Thursday 16 de May de 2024

Os máis de 300 alumnos e alumnas do CPI Cernadas de Castro de Lousame crean un “Xardín da lembranza”, que recolle unha flor por cada vítima da violencia de xénero


 

Máis de medio cento de persoas participaron na concentración convocada diante da casa consistorial

Os máis de trescentos alumnos e alumnas do CPI Cernadas de Castro de Lousame foron un ano máis os protagonistas das actividades programadas polo Concello de Lousame para conmemorar o 25 de novembro, Día Internacional contra a Violencia de Xénero. Uns actos presididos pola concelleira de Igualdade, Silvia Agrafojo, e pola directora do colexio, Pilar Cobas. Agrafojo salientou “a importancia da educación en igualdade como ferramenta básica para previr comportamentos e actitudes machistas entre o alumnado, tal e como ismo poder ver no vídeo que se vai proxectar a continuación”.

A mañá comezou con dúas proxeccións do vídeo “Engánchate ao bo trato”, que recolle o traballo realizado polo alumnado nos obradoiros do “Programa de sensibilización en igualdade e prevención da violencia de xénero”, financiado pola Secretaría Xeral da Igualdade e do Ministerio da Presidencia, Relacións coas Cortes e Igualdade. En total, durante os últimos meses desenvolvéronse catro obradoiros, de seis sesións cada un:

– “Que facemos na Rede” para Primaria e Secundaria, onde analizaron os riscos aos que se expoñen na Internet e a importancia da seguridade e de saber que información comparten
– “Engánchate ao bo trato”, dirixido a 6º de Primaria e 1º da ESO no que traballaron aspectos como a empatía, as estratexias para afrontar o conflito e como desenvolver unha comunicación eficaz
– “Entendámonos”, tamén para 6º de Primaria e 1º da ESO no que falaron sobre o autocoñecemento e na promoción da confianza nun mesmo para fomentar así o respecto á diversidade e aos demais
– “Como te ves?”, para o alumnado de Secundaria, no que traballaron a imaxe que teñen deles e delas e como pensan que os ven os demais, analizando cuestións como os estereotipos de xénero e os ideais de beleza nos medios de comunicación e na publicidade.

Rematada a proxección do vídeo, o alumnado desprazouse ao corredor principal do colexio, onde estaba emprazado o “Xardín da lembranza”. Aló, os nenos e nenas de Lousame plantaron flores co nome das vítimas da violencia machista deste ano xunto a outras palabras nas que expresarán os seus sentimentos diante desta lacra social.

Concentración

Rematado o acto no colexio, ás 13:30 horas tivo lugar unha concentración contra a violencia de xénero diante da Casa Consistorial de Lousame, que estivo presidida pola alcaldesa, Teresa Villaverde, e na que participaron traballadores municipais, persoal do centro de saúde, integrantes do obradoiro de emprego Noia-Lousame e veciños e veciñas que se achegaron ao lugar.

A concelleira de Igualdade, Silvia Agrafojo, deu lectura a un manifesto no que destacou que “o Concello de Lousame quere amosar o seu firme compromiso contra a violencia de xénero, a manifestación máis cruel e inhumana da desigualdade existente entre mulleres e homes. Combater calquera forma de violencia de xénero, física, psicolóxica, económica, sexual (que inclúe abusos, acoso e a trata de mulleres e nenas) debe ser unha cuestión de Estado”.